domingo, 29 de noviembre de 2009

Chove. Fora a auga cae coma se xamais o tivera feito; pero non, non vai frío, amor. Unha físgoa na porta deixa pasar uns raios de luz e agora teño medo que saia por ela tamén a calor que deixaches co derradeiro bico. Non sei cantas veces me dixeches que tiña de arranxala, pero se ti non estabas eu sentíame moito mellor coas fiestras abertas, porque na tua ausencia fallaba a lume, fallaba o sol na casa, e una físgoa era cousa pouca. Lembro aínda os acenos que facías na porta ao saíres, cando sabías que eu ollaba. Ti sempre soubeches canto gustaba de eses xestos que me facían rir: Collías o paraugas e facíalo xirar coma Charlot mentres dabas uns pasos na beirarrúa adiante coas botas tortas e a piques de caires de bruzos. Oes? A auga repenica sobre as tuas pegadas… Cando volves?

lunes, 19 de octubre de 2009

Outono




Chegou o outono e só a lembranza da pel nos meus dedos cando acariñaba o teu lombo poderá manter unha esperanza de vida ata a primavera. Arredor de min, o baile das follas amortuxadas a caer das árbores, doces e suaves, cubre a soidade do xardín. O lene abaneo dunha folla que morre na cunca de té debuxa o son do teu nome no ar... E eu o pronuncio, quedo, pouco e pouco, e mentras o bebo da cunca, o grolo convértese nun grito xordo... Onde quedaches, amor, que non me dera de conta que faltaba a tua calor? ...